martes, 29 de decembro de 2020

A cabeza de Medusa

 



Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. 


Circe ou o pracer do azul

 



Nesta novela, Begoña Caamaño achéganos  a unha profunda e entrañable relación entre Penélope ( muller de Ulises) e Circe ( a feiticeira )

Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña, que a informa de que o seu home non está morto, senón que vive con ela un romance apixonado. A partir de aí, vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas.  Será tal a complicidade que se estableza entre elas dúas ( esposa e amante), que o home quedará convertido nun mero pretexto para elas falaren.


O lapis do carpinteiro

 



No cárcere de Santiago de Compostela, nos inicios da Guerra Civil, un pintor ( Camilo Díaz Baliño) debuxa o  Pórtico da Gloria cun lapis de carpinteiro, e nel sitúa os rostros dos seus compañeiros de presidio. O preso que terá un papel principal na historia será o médico Daniel Da Barca ( Francisco Comesaña), quen sufrirá a represión, mais terá sempre a forza do amor que lle outorga a súa muller, Marisa Mallo. O gardián Herbal obsérvao todo e vaise alimentando desas persoas. El quedará co lapis de carpinteiro que o irá guiando en toda a narración.


xoves, 22 de outubro de 2020

DRAGAL I A HERDANZA DO DRAGÓN Elena Gallego Abad:::


Acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego?Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás.Elena Gallego Abad debuta na narrativa galega cunha primeira novela, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009, coa que se inicia, ademais, unha futura triloxía baixo o título de "Dragal", o dragón galego.

luns, 5 de outubro de 2020

Unha Primavera para Aldara, Teresa Moure, Edicións XERAIS de Galicia (teatro):::

 




Unha primavera para Aldara de Teresa Moure é unha peza teatral que se desenvolve no interior dun mosteiro, na Galicia do século XV. No exterior estoupa a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres feudais. Ao convento chega Don Nuno, un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla. As regras non permiten presencia masculina no mosteiro, porén Aldara, a abadesa decide poñer por diante a misericordia e acoller ao forasteiro. Mais unha decisión coma esta no convento serviu como detonante dun enfrontamento de posturas entre as monxas que culminará nunha traizón. En palabras da autora "os personaxes desta obra teatral afrontan conflitos dos que se chaman eternos e procuran horizontes de liberdade persoal relativos ao afán de coñecemento, a paixón, a ruptura co establecido, nun ambiente de tenrura e fraternidade". Unha primavera para Aldara obtivo o Premio de teatro Rafael Dieste 2007, ademais dos premios da Asociación de Escritores en lingua Galega (Teatro) 2008 e o María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2009.

GALVÁN EN SAOR Darío Xohán Cabana Edicións XERAIS de Galicia:::

 

.

O señor Galván, príncipe das terras do norte, compañeiro de Artur nos reinos da Bretaña, viaxa máis alá da xeografía e do tempo e, como aquel Merlín de Cunqueiro, aparece entre nós, pois é acaso o destino de todos aqueles señores e cabaleiros do Graal e das antigas fazañas.Novela de humor e de amor, de aventuras e de tenrura, homenaxe ós antigos mesteres da narrativa cabaleiresca e medieval que o autor tan ben coñece, traductor de Dante "A divina comedia" e de Petrarca "Cancioneiro" entre outros textos. A palabra na súa medida xusta, o idioma en todo o seu frescor e galanura, a imaxe lírica ben medida para que non apague a historia senón que a potencie e enleve. Estas son as artes e as sabedurías de Darío Xohán Cabana.

A cabeza de Medusa

  Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que,...