xoves, 22 de outubro de 2020

DRAGAL I A HERDANZA DO DRAGÓN Elena Gallego Abad:::


Acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego?Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás.Elena Gallego Abad debuta na narrativa galega cunha primeira novela, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009, coa que se inicia, ademais, unha futura triloxía baixo o título de "Dragal", o dragón galego.

luns, 5 de outubro de 2020

Unha Primavera para Aldara, Teresa Moure, Edicións XERAIS de Galicia (teatro):::

 




Unha primavera para Aldara de Teresa Moure é unha peza teatral que se desenvolve no interior dun mosteiro, na Galicia do século XV. No exterior estoupa a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres feudais. Ao convento chega Don Nuno, un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla. As regras non permiten presencia masculina no mosteiro, porén Aldara, a abadesa decide poñer por diante a misericordia e acoller ao forasteiro. Mais unha decisión coma esta no convento serviu como detonante dun enfrontamento de posturas entre as monxas que culminará nunha traizón. En palabras da autora "os personaxes desta obra teatral afrontan conflitos dos que se chaman eternos e procuran horizontes de liberdade persoal relativos ao afán de coñecemento, a paixón, a ruptura co establecido, nun ambiente de tenrura e fraternidade". Unha primavera para Aldara obtivo o Premio de teatro Rafael Dieste 2007, ademais dos premios da Asociación de Escritores en lingua Galega (Teatro) 2008 e o María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2009.

GALVÁN EN SAOR Darío Xohán Cabana Edicións XERAIS de Galicia:::

 

.

O señor Galván, príncipe das terras do norte, compañeiro de Artur nos reinos da Bretaña, viaxa máis alá da xeografía e do tempo e, como aquel Merlín de Cunqueiro, aparece entre nós, pois é acaso o destino de todos aqueles señores e cabaleiros do Graal e das antigas fazañas.Novela de humor e de amor, de aventuras e de tenrura, homenaxe ós antigos mesteres da narrativa cabaleiresca e medieval que o autor tan ben coñece, traductor de Dante "A divina comedia" e de Petrarca "Cancioneiro" entre outros textos. A palabra na súa medida xusta, o idioma en todo o seu frescor e galanura, a imaxe lírica ben medida para que non apague a historia senón que a potencie e enleve. Estas son as artes e as sabedurías de Darío Xohán Cabana.

A cabeza de Medusa

  Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que,...